O proxecto iniciará as súas obras a primeiros de 2025, e espérase que estea rematada antes do fin de ano
O Concello de Laza aprobou este xoves nun pleno extraordinario o contrato de adxudicación para a construción dunha minirresidencia de maiores, con 24 prazas ampliables a 48, por un importe de 1.399.970 euros, cos votos favorables dos cinco concelleiros do grupo de goberno do PP, e a abstención dos tres edís de Xuntos por Laza e do concelleiro do PSOE.
A empresa gañadora do concurso público é a verinesa Construcciones Ropán SL, que obtivo a maior puntuación fronte as outras dúas ofertas presentadas. Agora dispón ata o 10 de decembro de 2025 para entregar a obra.
A sinatura do contrato está prevista para a vindeira semana, e o inicio das obras, a partir do 7 de xaneiro.
2026, primeiros residentes
José Ramón Barreal, regidor lazao, celebra que o proxecto, “un hotel de 5 estrelas para os nosos maiores” siga o seu curso. Ademais avanzou que o Concello espera definir o modelo de xestión no primeiro semestre de 2026, para que os primeiros usuarios entren na residencia ese mesmo setembro.